xoves, 3 de decembro de 2015

Querida Xosefa:



                                                                                                     Ferrol, a 13 de agosto de 1920.


                     Querida Xosefa:



Escríboche esta carta para poñerte ao corrente de como van os trámites para poder embarcar rumbo á Habana.  


Xa  me explicou o meu irmán Vicente que tiña que ir ao Xulgado Municipal de Serantes a solicitar a Carteira de Identidade. Os que queremos emigrar  debemos acreditar  todos os datos que nela  se solicitan.

E non sabes o primeiro que me preguntaron cando cheguei alí? Pois que como se chamaban os meus pais, que cando nacera, en que sección do Rexistro Civil estaba asentado… Como o ía saber eu! 



Despois, un funcionario puxo as pegadas de todos os meus dedos nesa especie de pasaporte, cubriu a folla na que había que deixar constancia de que eu non tiña ningún antecedente penal no Rexistro e outra na que debía aparecer  a miña situación militar. Aos meus trinta e dous anos estaba claro que xa tiña licenciado, pois fun do reemprazo de 1.909 !
Fixéronme dar moitas voltiñas!


Onte fun á Coruña amañar os papeis  que me faltaban. Primeiro tiven que ver a un Inspector de Emigración para que me autorizara o embarque para A Habana e despois dirixinme ao consignatario da compañía de vapores “NEW YORK & CUBA MAIL S.S. Cº (WARD LINE)” para comprar a pasaxe. Non quixen dicircho antes, pero tiven que pedirlles aos meus irmáns os cartos que me faltaban porque o que tiña aforrado non era suficiente.


Agora sei que vou embarcar no vapor Orizaba e que a saída é de aquí a tres días. Nunca fixen unha viaxe en barco. Pensar que teño que estar tantos días no medio do océano sen ver terra firme dame moito respecto mais, non teño outra alternativa, teño que partir.


Aínda non comprendo como puiden chegar ata aquí e tomar a decisión de marchar pero a falta de traballo e non atopar unha saída para enfrontar o noso futuro me deu pé e forzas para buscar unha solución. Din que en Cuba hai traballo para todos. Non podo deixar pasar esta oportunidade e teño que tentar buscar fortuna, como xa fixeron antes outros veciños do Souto.

É moi difícil para min escribir esta carta de despedida. Non sei cando volverei  a verte. Eres o que máis quero neste mundo. Cúidate moito e pensa que cando mires as estrelas … nelas nos atoparemos.



                         Sempre teu,

                                                                      Ramón.










                                                                                      
Ramón Olegario Rivera Daporta era o meu bisavó materno. Marchou á Habana no ano 1920 e catro anos despois regresou a Ferrol porque non fixo as Américas.

Á volta tivo a sorte de comezar a traballar nos Asteleiros da cidade, xa que el era un bo operario na súa profesión. Dous anos  despois casou  con Josefa Corral Calvo, a miña bisavoa. Tiveron dúas fillas: Josefina e Amalia, a miña avoa.

Foi un marabilloso descubrimento atopar a Carteira de Identidade do Consello Superior de Emigración do meu bisavó. Estaba gardada na cas dos meus avós, entre as fotografías antigas da familia con outros moitos recordos que forman parte do meu pasado. 

Cando a abrín apareceu gran cantidade de información sobre todos os trámites e documentacións que os emigrantes tiñan que cumplimentar se querían ir ás Américas. 

Era un tema totalmente descoñecido para min e foi un punto de partida para poder investigar máis sobre el e poder falar coa miña avoa sobre o pasado do seu pai.


     
Ramón Rivera Daporta.

                                                                                 
Dende aquí quero agradecerlle a Manolo, o meu profesor de Historia de Galicia, que abrira a Caixa de Pandora das nosas raíces para así coñecer a vida dos nosos antepasados e poder chegar a comprender mellor o noso presente e futuro.


Ánxela Vázquez Dopico 2ºE

Ningún comentario:

Publicar un comentario