martes, 6 de outubro de 2015

Rumbo a Eirín

O historiador e novelista Xoán Bernardez Vilar escribiu en "Ouveade naves de Tarsish¡" unha epopeia marina sobre os primeiros intercambios comerciais entre fenicios e os primitivos habitantes de Galicia (Oestrimnios e Saefes). Aquí tes un fragmento no que narra a chegada do barco do protagonista (Fiomn) ao peirao fenicio de Bares antes de tirar rumbo norte cara Eirín (a actual Irlanda) alá polo século V AC.


"Fiomn gardouse de facer nengún comentario. Aínda lle estaban a tremer as pernas. E custoulle agabear logo ao mastro a desvelexar de novo, para poder seguir a aproveitar o vento. Pero xa podía dicir que pasara os Aguillóns. E polo medio. Cousa da que non todos os mariñeiros se podían gabar. Ás súas costas a auga saía con forza pola fura que arrastraba o penedo que acababan de deixar atras.
Os aguillóns, antes de Bares
 A outra embarcación aínda non chegara ao extremo dos recifes. Eles seguiron avante. Mais o Roxo non tirou os ollos dela ata que a viu domear a longa liña. Chovía con toda cando alcanzaron o novo cabo. A luz era xa escasa. Desde o pé daqueles acantilados a costa cambiaba subitamente de dirección e recuaba cara o Sul. Ate Fiomnse decatou de que acababan de pasar o extremo norte da Ofiusa. Navegando nesta nova dirección embicaron un esteiro que se abría ao pé do cabo. Enseguida xurdiu diante deles o porto, (de Bares) agochado polos montes e fechado por un impresionante dique de pedras.
Peirao fenicio de Bares
 As dúas embarcacións esbararon ao longo del e penetraron pola abertura que había no medio. Case non había luz para se orientar.  Eran bastantes os barcos que había a se bambear nas quedas augas do seu interior. Nas casas da praia había luces acendidas. Algúns homes baixaron ata ela cubertos polas súas corozas de palla, mentres eles afundían as súas proas na area, e axudáronnos a baixar a terra. 
Coroza de palla (1926)
   Aquela noite os homes de Abóbrigra durmiron en terra con bon lume e quentes.


O peirao era moi longo, especialmente na súa parte norte e sumamente ancho. O necesario para aguantar a forza do mar. Estaba feito con penedos, moitos deles xa arrendondeados polo moito tempo que levaban a ser castigados polas ondas. Dende alí vianse unha illa alombada e as terras da outra banda do esteiro. (Illa coelleira).
Na terra que eles se atopaban,  os montes mostrábanse cubertos de vexetación e impedían a visión do fondo da abra. Tampouco se vían mais casas que unhas cantas que había ao pé do camiño que remataba na praia. Nun cativo outeiro de paredes brancas, no medio desta, fronte a entrada do peirao estaba o Santuario do Mar: uns penedos chantados no chan formando un círculo arrodeados por uns cativos carballos. Algo mais apartado había outro enorme penedo agrisallado de grande altura totalmente senlleiro no medio da area......
Ria de Bares
   
 Mal se asegurou o tempo baixaron as xentes a lles vender provisións para a viaxe: cervexa, cebada e carne magra. Eran xentes vestidas de lan ate os xeonllos coa túnica cinxida á cintura. Na cabeza levaban unha pucha de pelo moi apretado. As mulleres tiñan os ollos pequenos e escuros e sorrían moito. Levaban unha rediña de lazos na cabeza e pendentes de ouro nas orellas.  O Roxo fixéralles prometer que para cando voltasen  teríanlle gardado canta froita fresca puidesen axuntar.
Comeron moito marisco naqueles días. Aquelas xentes tiñan ostras de gran tamaño e tamén lles ofrecían unha enormes caracois furados, moi axeitados para facer sinais duns barcos a outros.

-         Mañá será o dia da marcha- díxolle unha tarde o Roxo- Hai xa bastantes barcos e non convén demorar mais a viaxe se non queremos correr o risco de que nos falte o vento. Eirin encontrase  ao norte, xunto frente a nos. Pero necesitaremos sete ou oito días de mar sen que vexamos terra algunha ata chegar ata alá.
-         Fiomn enrufou o sobrencello. Como se soubo?
-         Como se soubo o qué? .Repetiu o Roxo
-         Que Erín estaba alí e que había ventos que levaban a ela. Alguén tería que ser o primeiro
 O outro encolleuse de ombros
-         Como queres que se saiba?. Debe haber centos de anos que se están a facer estas viaxes e a ninguén lle preocupou demasiado saber quen foi o que as principiou. Os bardos falan das viaxes de Partholon ou de Ith e se cremos a que din  teriamos que  aceptar  que se descubriu por casualidade.  Mais o realmente certo e que Eirin  (Irlanda) está aí diante e que na primavera e no outono hai sempre ventos que  levan directamente a ela mentres que no verán e moito mais doado que veñan do norte. Ninguén se lembra  tampouco de cando foi feito este peirao. Antigamente foi centro de trafego de sílex,  a pedra do lume, a base da economía daqueles tempos. Mais nin sequera esta xente sabe con certeza os anos que ten.  Mais si saben  para o que serve e baixan das súas terras utilizando o camiño empedrado que lles deixaron os seus antepasados a comerciar con cantos  pasamos por aquí, e tanto eles como eu sabemos que indo cara a dereita pódese chegar a Armor (Bretaña francesa) en cinco o seis días....
-         E como podemos facer para voltar?, Agora o Roxo botouse a rir
-         O mellor será facelo no verán, aproveitando os ventos, mais como derradeiro recurso sempre poderemos botar man dos remos.

Os barcos principiaron a esbarar por fora do peirao e déronlle as costas ao esteiro, embocando ao norte cara o mar aberto. Mais mal alcanzaron a primeira punta do cabo  deixaron de mover os remos. Cantos se atopaban a bordo  tiraron as puchas das súas cabezas e ollaron para terra. Fiom viuna deseguida. Estaba nun pequeno cantil a Deusa do mar. Cos seus cabelos peiteados  para atrás e a face e os ollos dirixidos á distancia como sinalándolles o camiño. Tampouco sabia ningún desde cando se encontraba alí.  (Os Mariñeiros actuais chámanlle a “muller mariña”)... despois todos miraron cara o norte. Rumbo a Eirín......

Ningún comentario:

Publicar un comentario